Hassan Lekhili

A festa do deporte ourensán congregou miles de corredores nas rúas da cidade este domingo.

A 39ª edición da Carreira pedestre popular do San Martiño xa ten vencedores. Hassan Lekhili en categoría masculina e Solange Pereira na feminina foron os gañadores da proba. O marroquí afincado en Ourense cubriu os 10 km de percorrido nun tempo de 30:52 mentres que a atleta de Cangas fíxoo en 34:48, respectivamente. Ambos os dous xa foran os primeiros en cruzar o paso dos 5 km da mítica proba. Mentres Lekhili rompeu a carreira no quilómetro tres, Solange desprendeuse das súas rivais nos metros finais.

{gallery}stories/deportes/20151115_sanmartinho{/gallery}

Ás 11 horas dunha fría mañá de novembro deuse o pistoletazo de saída para os 5.366 inscritos na carreira absoluta, que estaban chamados a cubrir a distancia de 10.000 metros dun circuito con saída na ponte do Milenio e chegada no pavillón dos Remedios. Previamente gardárase un minuto de silencio en recordo das vítimas dos atentados de París.

Lekhili dominou a proba desde o comezo, con Lolo Penas como gran rival, pero este acabou por retirarse por problemas físicos. Completaron o podio masculino Carlos Villamor e Víctor Riobó, e o feminino Joselyn Brea e Paula Mayobre.

Carreira escolar e de cativos

Jesús Álvarez e Sara Lima foron os vencendores da carreira escolar, de 4,7 quilómetros de percorrido. Realizaron un tempo de 14:49 e 17:03 minutos, respectivamente. A carreira dos escolares deu saída ás 12:30 horas e nela estaban inscritos 4.013 corredores.

Finalmente, despois das 13:15 horas saíron a correr os menores de 8 anos, un total de 2.337 inscritos, que deberon completar un circuito de 1.400 metros. Alex Sierpes (5:17) e Adriana Figueroa (5:50) foron os primeiros clasificados.

Cifras
En total foron 9.484 atletas os que cruzaron a liña de meta nesta 39ª edición da San Martiño. 4.538 foros os que remataron os 10 quilómetros da carreira absoluta; 3.067, na carreira escolar (4,7 km) e 1.879 remataron os 1,4 km da de cativos.

Consulta todos os resultados en www.championchipnorte.com.