Mario Crecente e Manuel Baltar

En 2016 as liñas de actuación serán a promoción turística, a mellora de infraestruturas termais, a xestión económica e os investimentos.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse con Mario Crecente, responsable da consultora que está a desenvolver o plan “Ourense, a provincia termal”, para analizar os avances acadados ata a data neste proxecto e seguir planificando a estratexia que a Deputación de Ourense coordinadamente coa Xunta de Galicia vai levar a cabo en 2016 para desenvolver liñas de actuación nos ámbitos da promoción turística, melloras de infraestruturas termais, xestión económica e investimentos.

O presidente do goberno provincial afirma que a planificación “é básica para acadar os obxectivos propostos no plan, que deberá estar rematado no horizonte de 2020 coa finalización do período de fondos comunitarios, fundamentais achegas económicas para a concreción das medidas que deben implementarse», afirma Manuel Baltar.

Na xuntanza, Baltar e Crecente repasaron o proxecto básico da piscina termal de Laias e o da senda termal do Carballiño, e o consultor informoulle que actualmente están en fase de redacción os novos accesos a Cabreiroá e que se atopa en preparación o “blog termal”.