A novidade desta edición, que se celebra do 19 ao 21 de novembro, será unha mostra internacional.
O Sindicato Labrego Galego e o Concello de Castrelo de Miño están ultimando a oitava edición das xornadas Viño Diversidade, que se celebrarán do 19 ao 21 de novembro e que, desta vez, terán como principal novidade a celebración da primeira Mostra Internacional de Viños da Biodiversidade, aberta a persoas non inscritas na parte formativa.
A mostra terá lugar nos salóns do parque náutico de Castrelo o sábado, 21 de novembro. Para acceder a ela e catar os caldos das 26 adegas inscritas nas xornadas -da Galiza, A Rioxa e Portugal- haberá que pagar unha entrada de 5 euros.
Como en pasadas edicións, a parte formativa ocupará o groso do evento, os días 19 e 20, e estará centrada en diversos aspectos da viticultura ecolóxica e biodinámica. Con todas as prazas cubertas dende hai días, as aulas terán lugar dacabalo do auditorio do Concello de Castrelo e os viñedos, e correrán ao cargo de André Rodrigues Henriques da Silva, enxeñeiro agrónomo da Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Biodinámica e Biolóxica de Portugal. Axudarán nos labores docentes o asesor en viticultura rexenerativa e enoloxía, Pablo Ortigueira Sánchez; e o responsable da Dirección do Viño do SLG e viticultor no Ribeiro, Bernardo Estévez.