A vía, de 10,3 km. de lonxitude, pertence a tres concellos e une Xinzo de Limia coa estrada Xinzo-Vilar de Barrio; en dez anos rexistrou 13 sinistros con 5 falecidos e 22 feridos.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial, ao xefe provincial de Tráfico, David Llorente, e ao xefe do Destacamento da Garda Civil en Verín, Juan Carlos Nogueiras, con que analizou a situación do vial que une Xinzo de Limia coa estrada OU-1102, Xinzo de Limia e Vilar de Barrio, un dos que rexistra, segundo datos de Tráfico, maiores taxas de sinistralidade na provincia de Ourense. En concreto, a vía, que ten unha lonxitude de 10,3 quilómetros, rexistrou nun período de dez anos un total de 13 sinistros con vítimas, co resultado de 5 persoas falecidas, 10 feridas graves e 12 feridas leves.
Dado que a titularidade da estrada está compartida por tres concellos: Xinzo de Limia, Sarreaus e Trasmiras, o presidente do goberno provincial comprometeuse “a cooperar cos concellos e estudar con eles a posibilidade da cesión da estrada á Deputación para integrala la rede viaria provincial, como propoñen as autoridades de Tráfico, con fin de levar a cabo as obras de mellora necesarias en materia de seguridade”, explicou Manuel Baltar.
En concreto, Tráfico considera que a asunción do vial por parte da Deputación resultaría beneficioso a efectos da súa identificación, mantemento e conservación, e entende que se fai necesaria a instalación de barreiras de seguridade laterais tipo bionda nas tres curvas existentes e nos lugares máis perigosos do vial, ademais de reforzar a sinalización dos viais e pistas que acceden transversalmente á estrada principal. Tamén estima Tráfico no informe relativo á estrada que é necesario intensificar a sinalización de velocidade máxima de 70 km/h ao longo do vial, con sinalización vertical e horizontal, debido ás altas velocidades ás que se circula por esta vía.
Os responsables de Tráfico solicitáronlle a Manuel Baltar que a Deputación leve a cabo estas obras de mellora unha vez asuma a titularidade da vía, dado que os tres concellos non poden facelo debido á falta de medios.