Manuel Baltar afirma que o obxectivo “é afondar no coñecemento da nosa provincia dende unha perspectiva didáctica”.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, acompañado do escritor Xosé Antonio Perozo presentou no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a 3ª edición da Semana Escolar da Provincial e a súa Deputación, un evento que terá lugar entre os días 23 ao 27 de novembro e no que participan máis de oito mil alumnos de 40 centros educativos da provincia.
O presidente provincial explicou que o obxectivo desta Semana Escolar é afondar no coñecemento da nosa provincia dende unha perspectiva didáctica, “tendo á transparencia e a divulgación como eixos da forma de entender o goberno da provincia moderna”. Manuel Baltar salientou ademais que dos 45 gobernos provinciais de España “a Deputación de Ourense é o único que achega desta maneira á institución provincial á cidadanía”.
Divulgación da riqueza cultural
Nesta terceira edición, seguindo suxestións do profesorado, a temática céntrase na divulgación da riqueza cultural que a historia sementou e deixou na provincia de Ourense. Co título de “O patrimonio provincial da ourensanía”, publicación da que é autor Xosé Antonio Perozo, ao longo de 60 páxinas “faise un percorrido polos principais aspectos da organización provincial, da arquitectura, das comunicacións, dos movementos e estilos artísticos, dos espazos naturais e do termalismo”, explicou o autor
Como nas edicións anteriores, editouse un manual para uso do alumnado, unha guía de suxestións de actividades para o profesorado e un cartel anunciador da semana.
Portas abertas
Como colofón, o sábado día 28 a Deputación volverá celebrar o seu Día de Portas Abertas, a partir das 11 horas, e o luns día 30, alumnos dos centros escolares de Verín celebrarán no Pazo Provincial un Pleno Xuvenil sobre o noso patrimonio.