Algúns recibiron multas de Medio Rural de ata 2.001 euros por exceso de uva declarada.

 

O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco demandou á directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Do Campo, que tome en consideración, na medida das posibilidades da Consellería do Medio Rural, as alegacións presentadas por 175 viticultores de Valdeorras ante as multas que recibiron por entregar ás adegas máis uva da declarada na vendima de 2014.

Blanco trasladou á directora xeral de Agricultura a preocupación existente entre os viticultores de Valdeorras polas sancións de ata 2.001 euros que Medio Rural lles impuxo por unha suposta infracción grave da Lei 24/2003 da viña e o viño ao superar o rendemento e a produción por hectárea durante a vendima do pasado ano.

Análise en profundidade

O deputado valdeorrés pediulle “que as diferentes alegacións sexan obxecto dunha análise en profundidade, tendo en conta a proporcionalidade dos excesos reais e as multas impostas, para que desta maneira as sancións poidan quedar reducidas a cantidades mínimas”. “A directora xeral comprometeuse a estudar con detalle cada unha das alegacións presentadas”, sinalou o popular.