Acúsanos de ter unha “actitude profundamente antidemocrática”.

O Grupo Provincial do PSOE vén de denunciar que na Comisión de Transparencia da Deputación de Ourense, celebrada este mércores, o goberno do Partido Popular voltou a frear o debate sobre o caso Baltar, amparándose na súa maioría absoluta.

En palabras do voceiro socialista, Ignacio Gómez, “soterra o debate e négase a dar as explicacións requeridas de forma reiterada, o que afecta gravemente ao funcionamento da institución provincial”.

A pesares de que o PP e Manuel Baltar levan esgrimindo que o caso de presunto ofrecemento de traballo a cambio de favores sexuais, só lle afecta ao presidente no seu eido persoal, sengundo o PSOE “a realidade é outra. Non só afecta, polo contido da denuncia, á Deputación provincial, en canto á política laboral do goberno provincial, senón que está a afectar ao devir diario da propia institución e aos acordos tomados polos grupos políticos en canto ao funcionamento de Plenos e Comisións”. “É, totalmente, inaudito que se denegue o debate en Pleno dunha moción, e moito menos durante a celebración dunha Comisión Informativa”, critican os socialistas. “O seu ocultismo está afectando aos mecanismos democráticos nos que se artella o debate político nesta Deputación e non estamos dispostos a consentilo”, engaden.

O PSOE pon en evidencia que non estea convocado aínda o debate sobre o estado da provincia, e que Baltar só estivese 7 dos 25 días laborables do mes pasado no Pazo Provincial. “Non se sinte cómodo na propia institución que preside”, recalcan. “Parece que a Baltar lle molesta o control da oposición e iso é propio de gobernantes aos que lle molesta a democracia”, insiste Igancio Gómez.