O Sindicato Labrego Galego vén de denunciar novos ataques en Maceda, Vilar de Barrio e Laza.

 

Nos últimos días os lobos realizaron novos ataques a explotacións gandeiras da provincia. As vacas de Ángel Rivas (en Teixeira, Maceda) sufriron un a poucos metros das casas, tralo que resultou morto un becerro de raza vienesa duns poucos días. En Vilar de Barrio, a Samuel Formoso os lobos matáronlle un becerro de raza Rubia Galega acabado de nacer. E a John David Leadbeater, dez ovellas na parroquia de Castro, en Laza.  Os excesivos trámites e a escasa e tardía indemnización frea a moitos gandeiros, como a eles tres, a denunciar estes incidentes tan comúns no rural ourensán.

Como consecuencia, dende o Sindicato Labrego Galego critican “a desastrosa xestión que as Consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural están a facer á hora de garantir a convivencia da fauna salvaxe coas actividades agrarias e gandeiras”. “Indemnizan os danos dunha maneira deficiente, obrigan a unha enorme carga burocrática e, por riba, a tardan ao redor de dous anos en ingresarche os cartos”, explican.

Así mesmo, lamentan que as iniciativas preventivas da Xunta sexan nulas, “abandona as granxas á súa sorte”, recalcan. “O gran problema que temos na Galiza é que a Xunta, hai moitos anos, utiliza en exclusiva o patrimonio e o traballo dos labregos para manter a fauna salvaxe, facendo inviable a agricultura e a gandería en amplas zonas do noso territorio onde, precisamente, son estas actividades económicas fondamente arraigadas as únicas que existen para xerar ingresos e para fixar poboación no medio rural”, engaden.

Por iso, este colectivo sindical empraza á Administración Galega a que garanta a conservacón de especies como o o lobo ao tempo que tamén da continuidade ás actividades agrogandeiras en zonas de montaña, “empezando por aplicar políticas serias en troques de seguir repartindo esmolas miserables mentres o problema non deixa de medrar”, conclúen.