A actividade comezou no CEIP do Xurés, no concello de Lobios, coa participación dos seus 56 alumnos.
Este luns arrancou unha nova edición do programa «Nunca sen almorzo e sempre recreos saudables», e xa van cinco, co fin de lograr concienciar ao alumnado da importancia que ten a combinación dunha alimentación saudable coa práctica regular de exercicio físico para lograr o benestar e combater a obesidade infantil.
Esta iniciativa forma parte das actividades de promoción da saúde que organiza en Ourense a Consellería de Sanidade e que se ofertan aos centros escolares. Este ano, en total, 2.400 alumnos de 32 colexios da provincia, con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos, participarán neste programa que se prolongará ata o mes de maio. Concretamente están apuntados 636 escolares de educación infantil e 1.763 de primaria.
Baixo o título de “Nunca sen almorzo…e sempre recreos saudables” desenvolverase este programa que, ademais do obxectivo de subliñar a importancia que ten o hábito de realizar un almorzo axeitado para a prevención da obesidade, engadirá a necesidade de que os escolares consuman alimentos saudables durante o recreo e tamén aproveiten este tempo para participar nalgunha actividade deportiva ou xogo físico.
Así, a actividade inclúe unha charla teórica dirixida ao alumnado e durante o recreo o consumo dalgún alimento saudable e a organización de xogos físicos ou competicións deportivas.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, -acompañada polas xefas territoriais de Sanidade e de Educación e Cultura, María Villar e Mercedes Gallego, respectivamente- acudiu ao comezo desta actividade e animou aos 56 escolares que participaron nela a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á alimentación, na procura de axudar a xerar costumes e actitudes saudables que contribúan ao seu crecemento. Díaz Mouteira díxolles aos máis pequenos que para render no colexio e ter folgos durante toda a xornada escolar é fundamental almorzar axeitadamente.