Segundo datos oficiais, 48 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas en España este ano.
Este mércores 25 de novembro celébrase en todo o mundo o Día para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Diferentes institucións e colectivos da nosa provincia súmanse a esta conmemoración con actos de todo tipo. Segundo datos do Ministerio de Sanidade, no que vai de 2015 48 mulleres foron asasinadas en España (seis delas en Galicia) polos seus homes ou ex parellas; só no 18% dos casos, as vítimas presentaran denuncia previa.
O Concello de Ourense organiza un acto institucional a mediodía na praza do Bispo Cesáreo. Ademais das autoridades, participará alumnado dos colexios Luis Vives e Cardenal Cisneros, que será protagonista dunha acción de concienciación social enmarcada dentro do proxecto “Cuestión de género” que, deseñado pola asociación APES, desenvólvese este curso nos dous centros de ensino. Así, lerán un manifesto e poemas, exporán un mural de concienciación, con datos, noticias e cifras sobre a violencia de xénero, e invitarán aos asistentes a deixar mensaxes coa temática da violencia de xénero en libros en branco. O eixo da actividade será a homenaxe aos 44 menores que este ano perderon as súas nais por causa da violencia machista.
O PP, pola súa banda, conmemorará este 25N, como vén facendo en anos anteriores, xunto á escultura da Leiteira na rúa do Paseo, ás 11:30 horas. Lerán un manifesto, poemas e realizarán unha ofrenda floral. Ás 11 horas os socialistas estarán diante da porta do cemiterio de San Francisco, onde realizarán un acto contra a violencia de xénero. Á mesma hora, o sindicato CIG convoca unha concentración diante do edificio sindical, dentro da súa campaña “Na túa empresa tamén hai violencia”, que chama a atención sobre as agresións e a violencia simbólica, de abusos cotiáns, que sofren as mulleres no ámbito laboral.
Marcha Mundial das Mulleres
A Coordinadora Comarcal de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres organiza un acto na praza do Ferro ás 20 horas, para reivindicar e celebrar o Día Internacional contra a violencia machista baixo o lema “Paremos o feminicidio”. Nas últimas semanas, o movemento feminista ourensán puxo en marcha unha campaña que leva por lema «O Persoal é Político. O acoso sexual é delito» mediante a cal queren facer chegar a toda a sociedade este debate desmontando os argumentos falaces de pechalo no ámbito privado, de restarlle importante e o peor: de criminalizar á muller que denuncia. Elaboraron un cartel e repartirán 600 autocolantes na cidade, ademais de organizar unha charla sobre «Acoso Sexual e lexislación: protexernos contra a violencia» o mércores 2 de decembro no Liceo coa avogada Patricia López Arnoso.
A.VV. As Termas
A loita contra a violencia de xénero tamén se combate nos barrios. A Asociación Veciñal As Termas, situada nas vivendas de promoción pública xunto a estación de buses, puxo en marcha unha iniciativa pouco habitual no movemento veciñal baixo o lema “Deter a violencia de xénero é responsabilidade de todas e todos” coa intención de concienciar e informar sobre a loita contra a violencia de xénero. Conta co patrocinio da Concellería de Igualdade.
A campaña difundirase en dous formatos, carteis co lema da campaña e un folleto informativo que se buzoneará por parte do barrio da Ponte ademais de distribuirase en comercios e edificios públicos. Ademais para a difusión da campaña a Asociación Veciñal As Termas conta coa colaboración coa empresa concesionaria do transporte urbano, Urbanos de Ourense, que colaborará coa campaña colocando carteis nas principais liñas.
Noutras localidades
En Allariz organizan ás 12 horas un acto institucional, na praza do Concello, coa lectura dunha declaración institucional, do manifesto da Asociación de Mulleres Silvardeira e de frases contra a violencia. ÁS 19.30 horas presentarase o protocolo municipal de actuación en casos de violencia de xénero, e visionarase o audiovisual “Eu podo!” realizado polo Concello de Allariz coas mulleres do Programa Clara. Será no Fogar dos Maiores.
En Xinzo, o C.D.R O Viso, Cruz Vermella e o Centro de Información á Muller, colocarán unha mesa de información e sensibilización na praza Maior, entre 16 e 18 horas. Ás 17 horas lerán un manifesto.
En Verín, desenvolverase pola vila a campaña #nosoloenlosgolpes para concienciar dos diversos tipos de agresións que existen; e ás 20:30 horas terá lugar unha concentración diante da casa consistorial.
En Barbadás, a Asociación Latexo en colaboración coa Concellaría de Igualdade colgará diferentes paneis nas rúas da Valenzá, Casa da Cultura, Casa da Xuventude e Oficinas Municipais, coas “Notas pola Igualdade” que foron recompilando nunha campaña de sensibilización nas redes sociais ao longo das últimas semanas, co fin de visibilizar frases positivas que fomenten a contrucción de relacións baseadas no respecto e a igualdade. O propio Concello, a través da Concellería de Igualdade, organiza un acto conmemorativo ás cinco da tarde xunto á estatua da familia da Valenzá.