Tres conxuntos pavillónistas desprazáronse a pasada fin de semana a Zaragoza para participar no Nacional de conxuntos de nivel base.
O conxunto alevín (Antía, Daniela, Noa, Sara, Candela e Laura) foi o que mellor clasificación obtivo. Rematou no posto 37 das 69 participantes.
O conxunto benxamín, formado por Iria Cudeiro, Vera, Carmen, Uxía, Sara e Iria Lorenzo, realizaron un excelente exercicio, tendo en conta que neste caso son catro as ximnastas que se incorporaron á competición nacional procedentes da competición autonómica e incluso provincial. Tiveron unha moi boa puntuación e quedaron clasificadas no posto 32.
Por outra banda, as cadetes (Marta, Ainoa, Lucía, Lidia e Yanira) tiveron moitos erros e importantes, o que as levou ó posto 70.
Para estes tres equipos ourensáns de nivel base, rematou a tempada de conxuntos. Algunhas destas ximnastas comezarán en breve a preparación da tempada individual e outras continuarán a súa formación na técnica tanto corporal como de aparato para preparar a tempada de conxuntos 2016, que ten cambios importantes en relación coa programación nacional. Pero antes de todo isto, o 8 de decembro celébrase o Torneo Nadal 2015 que organiza o Club Ximnasia Escola Pavillón, nos Remedios.
Esquío
O máis importante para os conxuntos galegos foi a terceira posición do Esquío de Ferrol na Copa da Raíña.
Valladolid
A seguinte cita importante para a ximnasia ourensá está en Valladolid, do 10 ó 13 de decembro no absoluto de conxuntos, no que catro conxuntos pavillonistas (alevín, infantil, júnior e sénior) se medirán coas mellores, tras lograr clasificación nos autonómicos.