A Concellería de Igualdade comprometéuse a impulsar un protocolo de prevención e detección da violencia machista en colaboración cos servizos sociais, persoal sanitario, centros educativos e policía local.

Como cada ano o 25 de novembro ten lugar o Día Internacional da Eliminación da Violencia cotra a Muller, o Concello de Barbadás súmase a esta loita manifestando ao seu firme rexeitamento a todos os tipos de violencia machista e o compromiso de traballar pola igualdade como único camiño para rematar con esta lacra.
As súas manifestacións desta violencia son múltiples, dende as expresións máis leves e «invisibles», o maltrato psicolóxico, o acoso e abuso sexual, as violacións… até o feminicidio.

“É preocupante observar como os datos sobre violencia machista, lonxe de levarnos ao optimismo, nos enfrontan á dura realidade do aumento desta violencia na nosa sociedade e sobre todo entre as persoas máis novas. Resulta desolador constatar a consideración que moitos mozos teñen a respecto das súas parellas e o seu dereito sobre elas. Igual de desolador resulta a aceptación por parte destas mozas dese rol de submisión”, explican dende o Concello de Barbadás nun manifesto.

Así, a Concellería de Igualdade comprometéuse a impulsar un protocolo de prevención e detección da violencia machista en colaboración cos servizos sociais, co persoal sanitario, cos centros educativos e coa policía local de Barbadás. Por outra banda, nos orzamentos de 2016 recóllense por primeira vez, recursos para realizar actividades durante todo o ano en prol da igualdade.

Así mesmo, quixeron recoñecer o traballo realizado polos movemetos feministas dende fai máis dun século, que foron “os verdadeiros axentes de transformación e consecución de dereitos para as mulleres na historia. Dereitos civís, políticos, reprodutivos, afectivo-sexuais, dereitos laborais… son grazas ao feminismo”, engaden. E piden a tipificación do feminicidio para que se recoñeza “a todas as vítimas do machismo con independencia do tipo de relación que teña co seu agresor”.

Nun acto simbólico, neste 25 de novembro, o Concello colocou zapatos vermellos na rúa como homenaxe a todas as vítimas que xa non poden pasear. “Isabel, Beatriz, Divina, Silvina, Concepción, María José, Inma, Socorro, Yelisa, as nenas Amaia e Candela… son as galegas asasinadas no que vai de ano, sumando un total en todo o estado de 93 entre as vítimas oficiais e as non oficiais da violencia de xénero. Non son un número, por iso hoxe queremos recordalas”, conclúen.