As tres administracións garantirán o bo estado das estradas da provincia aportando medios humanos e técnicos, entre os que atopamos máquinas quitaneves, camións espalladores de salmoira, así como grandes toneladas de sal almacenada.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e a Delegada Territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, co presidiron a reunión da “Comisión de Coordinación Provincial para a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas extremas”, que se desenvolveu na Subdelegación do Goberno coa finalidade de coordinar medios e actuacións que garantan a seguridade vial dos condutores nesta época invernal de climatoloxía adversa.
Á reunión tamén asistiron representantes da Deputación Provincial, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Agrupación de Tráfico, Estradas do Estado en Ourense, Protección Civil, membros da FEGAMP e un representante da AG – 53.
Medios das tres administracións
Para a rede de estradas do Estado en Ourense, que abarca un total de 514,85 kilómetros establecéronse 20 máquinas quitaneves; 17 camións quitaneves convencionais; 3 camións espalladores de salmoira; 5.294 toneladas de sal almacenadas en silos e 110.000 litros de salmoira. As cantidades de sal e salmoira corresponden aos acopios iniciais que poderán ser incrementados a medida que discorra o inverno.
Pola súa banda, o Goberno galego conta na provincia con 15 camións, 10 follas quitaneves, 3 retros, 15 esparexedores de sal, 5 cuñas, 4 extendedoras de salmoira, 2 plantas de fabricación de salmoira e un pick-up. Canto á reserva de fundentes, a provincia de Ourense é a que conta co maior número cifrado o acopio inicial en 2.135 toneladas.
E, por último, a Deputación puxo en marcha un operativo que contará con 49 vehículos e maquinaria entre os que se atopan quitaneves, moto niveladoras, cargadoras e vehículos de menor tamaño con cuchilla. Subliñar que a previsión de almacenaxe de sal para as estradas achégase ás 1.890 toneladas e o persoal da Deputación adscrito a este operativo é de 62 persoas entre técnicos, celadores, vixiantes e operadores de maquinaria. O almacenaxe de sal realízase en almacéns situados nos concellos de San Cibrao das Viñas (800 toneladas), Viana do Bolo (200), Xinzo (200), Verín (200), Bande (150) e Pobra de Trives.