O deputado tildou de “vergoñenta” a actitude do presidente da Xunta e pediulle que esixa a dimisión de Baltar e inicie os trámite para súa expulsión do PP.
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, preguntou este mércores ao presidente da Xunta se considera se é un “problema menor” que un presidente de Deputación sexa denunciado por acoso sexual.
O parlamentario reprobou que o presidente da Xunta afirmara que a denunciante pretendía que “Baltar delinquise e o señor Baltar non delinquiu”, manifestación que para Jorquera “converteu a vítima en culpable”.
25N
No Día internacional contra a violencia de xénero o deputado do BNG lembrou que o presidente da Xunta “insultou a todas as mulleres” no último pleno do Parlamento reprendendo á oposición por non preguntar por cousas importantes e formular preguntas sobre o posicionamento do PP ante a denuncia contra Baltar. Para vostede, dixo, “a violencia de xénero non forma parte dos principais problemas” e que un cargo público reclame “favores sexuais” a cambio de promesas de colocación non é unha cuestión importante.
Jorquera preguntou a Feijóo se é consciente da situación que deben soportar todos os días moitas mulleres nos seus postos de traballo ou para conseguilo. “Non sabe que o acoso sexual é unha forma de violencia machista? Para combater a violencia contra as mulleres hai que acabar coa hipocrisía, menos minutos de silencio e máis acción”, dixo, “pero vostede prefire mirar para outro lado cando un señor feudal 2.0 se cre con dereito de pernada”, insiste.
Resposta de Feijoo
Tras a resposta do presidente da Xunta apelando a presunción de inocencia de José Manuel Baltar, o nacionalista destacou que ten unha “curiosa maneira de entender esa presunción” ao aplicarlla ao presidente da Deputación de Ourense e negarlla á denunciante.
Vostede, “acusouna de cometer un delito” e defende que Baltar nin sequera está imputado, vostede confunde a diferenza entre presunción de inocencia penal e a “asunción de responsabilidades políticas”, recalcou.
Jorquera lembrou a Núñez Feijóo que non só é o Presidente da Xunta tamén é presidente do PPdeG e debe rectificar, “esixa a dimisión de Baltar, inicie os trámites para expulsalo do seu partido porque do contrario será responsable de amparar a un acosador”, concluíu.