A socialista Carmen Gallego advirte que a rebaixa das condicións económicas provocou que o concurso quedara deserto previamente.

 

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Carmen Gallego, esixiulle ao goberno galego que repita o concurso de xestión dos centros de menores de Galicia con maior contía económica. No debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento, lembrou que o endurecemento das condicións provocou a terceira prórroga consecutiva do contrato por quedar deserto o concurso.

A deputada socialista advertiu que o goberno galego reduciu o orzamento previsto para os centros de Reeducación Concepción Arenal e Cienma de A Coruña e Monteledo de Ourense nun 17% na oferta de internamento e un 19% nas de medio aberto esixindo ao mesmo tempo máis persoal.

Gallego sinalou que o goberno galego ten “o estudo mal feito” para preparar o concurso, co que resulta inviable tanto para os actuais administradores como para calquera outra empresa.

Este recorte, dixo, coincide coa esixencia de incrementar as prazas de persoal educador nos primeiros, dende 29 a 32 profesionais, e duplicar o persoal de psicoloxía nos segundos. A consecuencia é “quitarlle calidade aos centros e oportunidades aos menores afectados por medidas xudiciais, pero que merecen unha oportunidade de futuro e unha oportunidade de vida”.

Gallego esixiulle ao conselleiro que garanta ademais os postos de traballo dos profesionais que actualmente traballan nestes centros. A día de hoxe aínda teñen sen elaborar os calendarios de persoal do ano 2016, como consecuencia dos cambios “inxustificados e inxustificables” por parte do goberno galego.