Repartiranse 1.900 euros en premios e, como novidade, os ourensáns poderán votar online polo seu favorito, que levará o premio do público.

 

A Cámara de Comercio de Ourense vén de presentar o 26º Concurso de escaparates de Nadal, un dos de máis antigüidade de España. Este certame, que nace co propósito de recoñecer o esforzo dos comerciantes á hora de espallar o espírito de Nadal polas rúas da cidade, repartirá 1.900 euros en premios e, como novidade, os ourensáns poderán votar online polo seu favorito, que levará o premio do público.

“Recuperar o Concurso de escaparates é algo que ilusiona e fai ver que Ourense segue vivo e brilla con luz propia”, dixo o alcalde, Jesús Vázquez, en alusión á campaña de Nadal presentada este 24 de novembro no Concello. “Despois de 26 anos de celebración ininterrompida ata o ano 2012, é emocionante asistir á recuperación deste certame tan fermoso que elixirá os mellores escaparates da cidade”, aseguraba.

Pola súa banda, o presidente da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada Rúa, destacaba “a importancia do concurso creando conciencia sobre a importancia do escaparate como imaxe externa dun negocio, o primeiro impacto visual que recibe o cliente, influíndo en moitas ocasións na súa decisión de compra”.

Nas bases do certame establécense tres premios e diploma nos comercios da capital -o primeiro de 800 euros, o segundo de 600 euros e o terceiro de 400 euros- así como un premio de 100 euros ao mellor escaparate por votación popular, novidade desta edición. O prazo de inscrición permanecerá aberto até o 2 de decembro, e as inscricións deberán realizarse na Cámara de Comercio achegando unha fotografía do escaparate.

Máis de 2.500 establecementos participantes ata agora
No período 2006 a 2012, foron 2.550 os establecementos comerciais os que participaron en toda a provincia neste concurso de escaparates. Este ano, co apoio da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, da Concellería de Comercio do Concello de Ourense e del Grupo Caldaria, quérense acadar cifras de récord.