Manuel Baltar

Nas súas explicacións, Baltar “non admite pero tampouco nega a realidade dos feitos”, sinalan na acta da última reunión do Comité de Ética.

 

Este mércores o Comité de Ética da Deputación tiña que dictaminar sobre a conducta do presidente do ente provincial, Manuel Baltar, a petición do grupo socialista, a raíz da denuncia presentada contra el por una muller na que o acusaba, supostamente, de cambio de favores sexuais por traballo e de ter capacidade de cambiar notas nos exames da Deputación.

Pero o comité non dilucidou, senón que os seus catro membros presentaron a súa renuncia ao cargo. Con todo, na acta desta xuntanza, os integrantes deste ente deixan constancia das súas motivacións. Así, o Comité de Ética non considera “satisfactorias” as respostas de Baltar, pois adoptan “un contido xurídico e político, ao que o Comité é alleo, posto que non lle corresponde aplicar sancións”. Ademais, desde o Comité de Ética expuxeron que eles “non poden ser alleos ao alcance social e mediático producido polo feitos obxecto do debate, e que prexudican gravemente a imaxe do Sr. Presidente e da institución provincial, o que non ten nada que ver coa presunción de inocencia que atinxe ao denunciado, como a calquera cidadán”.

O órgano, prosegue a acta, reclamaba unha resposta “clara e contundente, que posiblemente sería axeitado que se dera nun ámbito político e non neste Comité”. Pero considera que a contestación de Manuel Baltar fai que o Comité non poida pronunciarse “xa que, defendéndose, non admite pero tampouco nega a realidade dos feitos”. Nas súas explicacións, o político popular insistía en que non lle fora notificada ningunha denuncia nin a identidade de quen a asinara, e que descoñecía o contido e a autoría do escrito presentado ante á Fiscalía, “razón pola que non podo pronunciarme”.

Por unanimidade, os catro membros (Miguel Ángel González Trigás, Antonio González Fernández, Enrique José Varela Álvarez e Jesús Blanco Giró) expoñen a súa convicción da “inoperancia” do Comité de Ética “verbo do procedemento que estamos a debatir”, e, en consecuencia, presentan a súa dimisión.

A resposta do presidente da Deputación a estas dimisións consistiu en dirixir cartas ao Colexio de Avogados, ao Colexio de Secretarios, á Universidade de Vigo e a Transparencia Internacional para que nomeen novos representantes neste ente.

Valoracións da oposición
Desde os partidos na oposición non tardaron as valoracións. Democracia Ourensana, con dous representantes na Deputación, considera que o “esperpento” sucedido coa dimisión do Comité Ético vén dar a razón ao criterio que esta formación sempre mantén con estas organizacións “parafraudulentas” e das que D.O. “sempre recelou”.

Para o partido que lidera Gonzalo Jácome, “a dimisión do Comité Ético da Deputación, que tomaron esta decisión antes de atreverse a falar mal de Baltar, mostra a baixeza e covardía de quen a miúdo formas estes comités. O certo é que o ocorrido onte indícanos que non só non serve para nada eses comités senón que son unha burla”. Por iso Democracia Ourensana pedirá que se elimine este Comité de Ética.

Outro partido con representación na Deputación, o BNG, subliña que as explicacións dadas por Baltar foron consideradas “claramente insatisfactorias por parte do Comité, coa particulariedade de que Baltar non desminte, en ningún caso, as acusacións que pesan sobre el”. O deputado nacionalista ve na acta da última reunión que o Comité de Ética “derruba toda a argumentación esgrimida polo presidente acerca de que se trata únicamente dun asunto privado, que se ten que sustanciar no ámbito xudicial. Neste senso, o comité di que polo alcance social e mediático, que prexudica gravemente a imaxe do presidente da Institución, e a propia institución, Baltar debería ter dado explicacións en sede pública, algo que o BNG lle leva esixido desde que se coñeceron os feitos”. O Bloque tamén destaca que o propio Comité recoñece “que este órgano non serve para nada, toda vez que é inoperante, botando por terra toda a retórica e a parafernalia coa que envolve o Presidente da deputación toda a súa xestión”. Por estes motivos, entenden que a resolución do Comité é unha “condea en toda regra” ao presidente da Deputación, a quen lle piden que presente a súa dimisión de xeito inmediato.

Tamén Compromiso por Galicia quixo valorar o sucedido. O seu secretario xeral, Xoán Bascuas, califica esta situación de “bochornosa e totalmente patética”, posto que “o propio Baltar, fai uns meses, gabábase da creación dunha normativa ética e de conducta, que eél non respeta nin respetou e, por se non fora pouco, crea un órgano que agora dimite pola súa causa”. Desde CxG comparten as valoracións do BNG e solicitan tamén a dimisión de Manuel Baltar, así como “explicacións claras e contudentes que ata o de agora non deu”. Ou, en todo caso, pídenlle a Feijoo “que esperte dunha vez do seu letargo e actúe, facendo que Baltar abandone os seus cargos institucionais e deixe de danar, non só a imaxe da Deputación, que xa ven danada dende tempos inmemoriais, senón da provincia de Ourense”.

E desde Nós-Candidatura Galega, á súa candidata ao Congreso nas próximas Xerais, Noa Presas, lamenta que o Comité non fora valente, pero concorda con el en que é no ámbito político onde se debe dilucidar a cuestión. “Concordamos co Comité en que Baltar debe dar resposta clara e contundente no ámbito político. Non lle queda outra que dimitir”, concluía Presas.