Esta iniciativa pretende reunir o coñecemento do patrimonio da comarca do Támega como base para o despegue económico.
Este venres 27 de novembro comeza o ciclo de actividades “Aldeas de Monterrei” organizado por Bruno Rúa, filósofo e etnógrafo, coa colaboración do Concello de Verín.
Este ciclo de actividades é unha pequena parte do proxecto enciclopedico “Aldeas de Monterrei”, que pretende reunir o coñecemento do patrimonio da comarca do Támega (cunca hidrográfica do Támega) como base para un despegue económico, «vendendo» ese rico patrimonio de cara fóra .“A intención final deste proxecto”, explicou Bruno Rúa, “é a recuperación de toda esa riqueza, o seu aproveitamento para o nivel científico e turístico, e así crear así unha base económica para evitar o despoboamento e desertización da noso mundo rural.”
Este proxecto nace a partir da segunda edición da Guía Arqueolóxica do Alto Támega editada por Rúa, que consta de unha serie de publicacións nas que se recolle o patrimonio, tanto material como inmaterial das aldeas do Alto Támega.
A programación deste ciclo de actividades estará composto de 8 charlas e unha exposición fotográfica.
As conferencias comezan este venres coa charla “Proxeccións económicas do rural” impartida por Xaquín Saurín e Salvador Ronda; e o sábado 28, con “Historia de Galicia en 50 lugares”, do antropólogo Rafa Quintía.
Xa en decembro, o día 4 será o turno do arquitecto Carlos Fernández Coto que tratará o “Feismo no mundo rural e solucións”; o día 6 a arqueóloga Rebeca Blanco abordará “A Muralla de Verín e a súa historia”; o 11 será o momento do xornalista Manuel Gago, profundizando no “Patrimonio rural como base económica”; o 12, o arqueológo Antonio R. Colmenero tratará a “Romanización do Támega”; o 17, a mestra Teresa Santamarina ofrecerá unha charla sobre a “Importancia da Educación no rural” e, por último, o 19, adicarase á figura de Xesús Taboada Chivite.
De xeito paralelo, até o 19 de decembro todos os que o desexen poden achegarse a descubrir unha mostra fotográfica documental composta por 50 instantáneas sobre a historia da comarca.