A oposición voltou abandonar a sesión plenaria ao serlle impedida a entrada ao Pazo Provincial a simpatizantes e cargos políticos para acudir como público.

 

Novo plante da oposición no pleno da Deputación de Ourense. Os deputados de PSOE, BNG e DO abandonaron a sesión deste venres en protesta por que se lle impedira a cargos políticos dos seus partidos e simpatizantes acceder ao salón de plenos.

Ante o sucedido, a deputada socialista e secretaria de Organización do PSdeG-PSOE de Ourense, María Quintas, esixiu a “dimisión inmediata” de Manuel Baltar pola “desvergonza e indignidade” de quen se mantén “amarrado á poltrona da Deputación, confundindo os límites entre os asuntos persoais coa súa actitude como presidente”. Sinala que “non pode representar á provincia a quen non respecta á institución, aos ourensáns e ás mulleres e mezcla o público e o privado”.
Quintas censura a “blindaxe” da sesión plenaria deste venres, impedindo o acceso a representantes públicos e “evitando defender aos propios deputados e deputadas provinciais mentres eran increpados e acosados polos seus acólitos”.

A responsable socialista sinala que “a cada día que pasa o señor Baltar ofrece un novo motivo para demostrar que a súa permanencia no cargo é insostible”.

Preguntas a Baltar
Pola súa banda, o deputado provincial do BNG, Ramiro Rodríguez, presentou un escrito para solicitar ao presidente da Deputación unha relación nominal de todas as persoas que accederon ao salón de plenos e as solicitudes e data da mesma de cada un deles. Tamén reclamou que se identifique á persoa ou persoas que “proferiron insultos e mesmo ameazaron con agredir a deputados e deputadas e que unha vez identificadas, se poña en coñecemento do xulgado tal extremo, persoándonse na causa que puidera abrise a propia deputación”.

Asemade, o nacionalista pregunta quen foi a persoa que deu a orde para que non puidera acceder ningunha persoa ao salón de plenos, “a maiores das ‘inscritas’ con antelación?” e cal é a razón invocada pola Presidencia para xustificar a diferencia de criterio en canto ao acceso do públco ao pleno, “tendo en conta que o día da toma de posesión do presidente o número de asistentes excedía con moito o número de cadeiras dispoñibeis”. E por último quere saber quen fixo o requerimento á Subdelegación do Goberno para que enviara dotación da Policía Nacional para o día do pleno.

A candidata de NÓS-Candidatura Galega, Noa Presas, foi unha das persoas que non puido acceder ao salón do plenos, e decidiu presentar unha denuncia polos feitos no Rexistro da Deputación e, logo, na comisaría da Policía Nacional. Tamén reclamou que ““Feijoo, ou mesmo Rajoy, teñen que intervir no Partido Popular de Ourense, porque Baltar ten secuestradas as institucións e el está descontrolado”.

O PP critica a “falta de respecto polas institucións e os cidadáns” por parte de PSOE, DO e BNG
Os populares valoraron o sucedido amosando “o seu máis absoluto rexeitamento” á actitude mostrada polos grupos da oposición “interrompendo o normal desenvolvemento do pleno ordinario” da Deputación, “ademais de formular acusacións contra o presidente da institución que son manifestamente falsas”, asegurou o coordinador do grupo popular, Pablo Pérez.

O deputado explicou que o presidente, Manuel Baltar, non prohibiu en ningún momento o acceso ao salón de plenos a ningunha persoa que non o solicitou previamente, para o que desde hai meses funciona na web da Deputación un apartado específico, “sen esquecer que o acceso está garantido para que os medios de comunicación poidan realizar o seu traballo con total liberdade e que a sesión tamén é retransmitida a través de internet”.

Pablo Pérez, con todo, fixo fincapé en que para esta sesión adoptáronse medidas adicionais de control ante a constancia de chamamentos efectuados desde a oposición durante esta semana para “atacar en todos os frontes” ao presidente. O deputado referiuse a unha “mensaxe enviada ás 18:34 horas do venres pola secretaria de organización do PSOE, María Quintas, no que comunica que se está estudando facer uns carteis e pide a asistencia de cantos compañeiros poidan ir para pedir a dimisión do presidente”.