Os socialistas cren que trata de evitar abordar a recente denuncia contra Manuel Baltar.
Dende o PSOE de Vilardevós demandan coñecer os motivos que levaron ao goberno do Partido Popular a retirar o punto da orde plenaria no que se ía aprobar a adhesión ao Portal de Transparencia da Deputación de Ourense. “O feito de que se retirara sen dar explicacións, lévanos a sospeitar que ou ben tratar temas de transparencia e ética política coa que está caendo lles facía temer o debate ou foron obrigados dende a propia Deputación a retiralo, dado o clima de crispación cidadá contra os feitos acontecidos ao redor da figura do residente”, aseguran os socialistas.
“Posiblemente, se viron na obriga moral de retirar unha adhesión a un Portal xestionado por unha institución que está a pasar polas súas horas máis baixas, en canto a imaxe se refire”, insisten. Segundo o PSOE, a denuncia contra Baltar (de ofrecer presuntamente traballo na Deputación a cambio de sexo), xunto á súa reacción ao respecto, “negando toda responsabilidade política, secuestrando a institución provincial no seu interese e ofrecendo un espectáculo lamentable en canto a ética, estética, transparencia e bo gobernó”, están detrás desta determinación do PP de Vilardevós.
Así mesmo, mostran o seu rexeitamente á decisión de Baltar de impedir o acceso ao pleno celebrado na Deputación este venres, “decidiu facer do pazo provincial o seu cortixo persoal e denegar a entrada á cidadanía así coma encher o salón de plenos de afíns ao seu partido co único obxecto de secuestrar o debate e por en entredito o exercicio da democracia”, reclaman. “Non nos extraña, xa que logo, que ao propio PP de Vilardevós lle dea vergoña que os relacionaran cun goberno provincial que está ensinando a súa cara máis indigna”, conclúen.