Tamén se aprobou un convenio entre a Deputación de Ourense e os concellos da provincia para a prestación do servizo de inspección dos tributos municipais.

 

O pleno da Corporación Provincial aprobou reservar un importe de 350.000 euros do orzamento da Deputación de Ourense para 2016 destinado ao Programa provincial de cooperación cos concellos, que ten como obxectivo actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provinciais. A contía de cada achega que se concederá ao abeiro deste programa será de 4.500 euros como máximo, con destino ao financiamento dos gastos subvencionables de prestación do servizo.

A finalidade desta achega é colaborar economicamente cos concellos e mancomunidades no sostemento do servizo público de limpeza da rede viaria municipal e no cumprimento das obrigas establecidas na lexislación galega de prevención de incendios forestais. Esta colaboración condiciónase a que por parte dos concellos e mancomunidades se realicen labores de limpeza das marxes das vías provinciais e municipais, co obxectivo de garantir o mantemento das vías en condicións axeitadas de limpeza e seguridade.

Tamén se aprobou na sesión plenaria un convenio entre a Deputación de Ourense e os concellos da provincia para a prestación do servizo de inspección dos tributos municipais. Os concellos adheridos a este convenio delegarán na Deputación o exercicio das funcións que integran a inspección tributaria para a totalidade dos tributos municipais, agás aqueles que expresamente se exceptúen polo concello no acordo de adhesión.