O alcalde, Mario Rodríguez, aclara que non votaron en contra da moción presentada pola oposición, “senón contra unha exposición de motivos na que mesmo se nos chega a acusar de amparar esta lacra”.

 

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Esgos “non votou en contra da moción presentada polo PSdeG-PSOE sobre a violencia de xénero, senón contra unha exposición de motivos na que mesmo se nos chega a acusar de amparar esta lacra”, afirmou o rexedor popular, Mario Rodríguez González.

A moción presentada polo único concelleiro da oposición di, textualmente, que “o Goberno do PP cos seus recortes e retrocesos malogrou catro anos da vida das mulleres vítimas, dos seus fillos e fillas”, argumento que os populares de Esgos rexeitaron con toda contundencia, solicitando ademais que constasen en acta as razóns do seu voto.

O alcalde anunciou que darán conta de todas as accións desenvolvidas nestes catro anos polo Goberno central para loitar contra este tipo de violencia, traballo que mesmo chegou a negar o edil socialista.

Mario Rodríguez rexeita así as declaracións do voceiro da oposición descalificando a decisión do grupo municipal do PP, ao tempo que advirte que non vai tolerar “que ninguén dubide do noso compromiso coa loita contra a violencia de xénero e o apoio ás vítimas”.