A Xunta achegou para as melloras 75.000 euros.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou esta mañá a praza de abastos do Carballiño, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local que vén de ser modernizada e remodelada polo Concello, cun apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria que supera os 75.000 euros.
Entre as actuacións desenvolvidas atópanse a remodelación dos accesos e a adaptación da accesibilidade; a impermeabilización e reposición de pavimentos e a renovación de instalacións de electricidade e iluminación, entre outros.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, concedeu este ano apoios por preto 700.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en 18 concellos da provincia de Ourense, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.
Os concellos que realicen melloras nas prazas deben poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.