Presentación de Esquiou 2016

A Deputación de Ourense promove esta iniciativa deportiva en colaboración coa estación Oca Nova Manzaneda.

 

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e o director da estación Oca Nova Manzaneda, Gustavo Sanmartín, presentaron o programa «Esquiou 2016».

A Deputación de Ourense promove esta actividade deportiva en colaboración coa estación Oca Nova Manzaneda coa que pretende “achegar o esquí aos rapaces e rapazas da provincia de Ourense de idades comprendidas entre os 9 e 12 anos”, asegurou Rosendo Fernández, e engadiu que Esquiou 2016, “ofrece un completo programa de actividades, incluíndo aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias”.

En total, poderán participar 735 nenos e nenas da provincia de Ourense, divididos en sete quendas de 105 persoas por quenda. A inscrición poderá realizarse a través da web da Deputación de Ourense a partir de hoxe e ata tres días antes do inicio da actividade da quenda, “as prazas iranse cubrindo por rigoroso orden de inscrición polo que, quen prevea participar é mellor realizar a inscrición canto antes e no caso de quedar sen praza na quenda que lle corresponde por localización xeográfica, poderá reasignarse por rigorosa orde de inscrición a outras quendas se teñen prazas baleiras”, afirmou Bernardino González.

A primeira quenda terá lugar entre os días 18 a 20 de xaneiro para rapaces e rapazas de Terra de Celanova e Baixa Limia, a segunda quenda do 25 ao 27 de xaneiro para Allariz, Maceda e A Limia. No mes de febreiro, do día 1 ao 3 para O Ribeiro e O Carballiño, do 8 ao 10 para Ourense, do 15 ao 17 para Verín e Viana, do 22 ao 24 para Valdeorras e dos días 29 de febreiro ao 2 de marzo para rapaces e rapazas de Terra de Caldelas e Terra de Trives.

As actividades desenvolveranse de luns a mércores (dúas noites e tres días), “para dedicarlle máis atención aos nenos e nenas participantes e se sintan máis arroupados polos profesionais e non sintan o abafo do fin de semana”, asegurou Gustavo Sanmartín que engadiu “a experiencia do ano pasado foi estupenda a xente quedou moi satisfeita co programa e espérase que este ano se cubran de novo todas as prazas”.

 Pola súa banda, Juan Anta destacou a importancia da colaboración entre a Deputación de Ourense e a estación Oca Nova Manzaneda, para realizar este tipo de actividades deportivas “que permite achegar o deporte de montaña aos rapaces e rapazas da provincia”.