Marisol Díaz e Susana López

Susana López Abella e Marisol Díaz Mouteira presentaron en rolda de prensa estas axudas e destacaron o incremento da cooperación entre municipios e a aposta pola prestación conxunta de servizos o que redunda nunha maior eficiencia e eficacia.

 

Os concellos da provincia de Ourense van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de 666.346 euros, para a posta en marcha de iniciativas en tres liñas de actuación: a prevención e tratamento integral  da violencia de xénero, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres. Estas axudas foron presentadas pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira.

López Abella e Díaz Mouteira destacaron que seguindo a senda establecida hai dous anos, a convocatoria deste ano reforza a prioridade dos proxectos de xestión compartida, o que significa incremento de puntuación e polo tanto, incremento de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de subvencións. A resolución destas axudas reflicte unha consolidación no eido da cooperación e colaboración entre concellos e para a xestión compartida das actuacións e programas no eido da promoción da igualdade. Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que “é o modelo a seguir para garantir unha atención eficaz e eficiente á cidadanía neste ámbito de actuación”, dixo Susana López.

Máis solicitudes conxuntas

A secretaria xeral de Igualdade subliñou que na convocatoria deste ano en Ourense, ao igual que pasou o ano pasado, son máis as entidades locais que presentan unha solicitude conxunta. Este incremento reflíctese sobre todo no programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIMs). Así, este ano no ámbito dos 13 CIMs en funcionamento na provincia ourensá participan un total de 41 concellos, dos que 35 teñen unha xestión compartida deste servizo fronte a 6 que a teñen individualizada.

Precisamente, das tres liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende na provincia a 565.110 euros, que se distribúen en 13 centros: Avión, O Barco, O Carballiño, Xinzo da Limia, Maceda, Muíños, Ourense, Pobra de Trives,  Verín, Viana do Bolo, Mancomunidade Terra de Celanova, Mancomunidade do Ribeiro e Mancomunidade Santa Águeda, e beneficia a un total de 41 concellos. Estas subvencións destinaranse ao financiamento dos custos de persoal, mantemento e dinamización destes centros.

A segunda liña, por volume presupostario, é a de fomento da conciliación, con 101.235 euros, destinados ao financiamento de plans e actuacións de conciliación da vida persoal,familiar e laboral das persoas traballadoras no ámbito local. Nesta liña son 13 as entidades locais que reciben subvención, pero exténdese a 14 concellos xa que 12 presentaron a solicitude individual e 2 concellos a presentaron conxunta. 

Nesta convocatoria, ningún concello ourensán resultou beneficiario das axudas e subvencións da liña de medidas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. 

Concellos máis beneficiados

Cómpre destacar que as entidades locais que reciben máis axudas son o concello de Verín,  o de Xinzo da Limia, o da capital da provincia, o de Muíños que presentou a súa solicitude agrupada xunto con Bande, Lobeira e Lobios, a Mancomunidade do Ribeiro (que agrupa os concellos de Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro), e o concello do Barco de Valdeorras