Estas actuacións suporán un investimento total de 450.000 euros por parte do Goberno galego.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a licitación das obras de rehabilitación do firme nas travesías da OU-209 e da OU-188 no concello de Leiro e tamén na OU-187 en San Cristovo de Cea; na OU-172 no Carballiño e na travesía Valdepereira, en Ribadavia. O prazo para o remate de propostas rematará o vindeiro día 2 de febreiro.
En total, o Goberno galego destinará un investimento de 450.000 euros á reforma destas vías da provincia de Ourense, uns traballos que teñen un prazo de execución de 6 meses.
Leiro
No Concello de Leiro a licitación prevé a actuar en dúas estradas, a OU-209 e a OU-188. Na OU-209, na Travesía de Leiro, observouse a existencia de varias zonas onde o firme está degradado, polo que é necesario realizar un fresado e a eliminación da capa de rodadura. Posteriormente, reporase o firme eliminado con mestura bituminosa en quente e se estenderá en toda a superficie da calzada da travesía, co fin de mellorar as características superficiais do pavimento.
Nesta mesma estrada, nos treitos entre as interseccións coa OU-504 e a travesía, concretamente, nos puntos quilométricos 0+060-2+712 e os.3+540-3+970, proxectouse a execución dunha capa de microaglomerado en frío en toda a superficie da calzada para selar as gretas existentes.
Así mesmo, na travesía da OU-188 en Leiro proponse a colocación dunha nova capa de rodadura en todo o ancho da mesma como medida de rehabilitación superficial, dado que a súa superficie está agretada e a rodadura presenta irregularidades.
San Cristovo de Cea e O Carballiño
Ademais, proxéctanse actuacións para a rehabilitación do firme e para a mellora da drenaxe na OU-187, en Cea. As accións de reforzo de firmes son as seguintes: execución dunha nova capa de rodadura nas interseccións coa N-525; execución dunha capa de microaglomerado en frío no tramo comprendido entre o P.K. 0+060-0+620; e dunha nova capa de rordaura no treito de travesía comprendido entre o P.K. 0+620-1+520. As actuacións para a mellora do drenaxe da estrada serán a limpeza de marxes; execución de gabias de seguridade; e a reposición dunha tubaxe de pluviais de PVC.
No Concello do Carballiño mellorarase o firme da OU-172. Nesta vía planeáronse actuacións para o reforzo do firme e para a mellora da drenaxe. As accións de reforzo de firmes consistirán na colocación dunha capa de mestura en quente en toda a plataforma da estrada, xa que se atopa fisurada. Para a mellora da drenaxe da vía realizarase a limpeza de marxes e execución de gabias de seguridade e transitables en certos tramos da estrada.
Na travesía Valdepereira, situada no Concello de Ribadavia, está deteriorada superficialmente. Por este motivo, proxectouse o reforzo de firmes de toda a superficie da travesía. Así mesmo, proxéctase a reposición das marcas viais.