Esta mostra itinerante, de Iria Blanco e Xosé Rivada, permanecerá na capital de Monterrei ata o 29 de febreiro. Logo chegará a Chaves, O Porto e Lisboa.
Este venres 15 de xaneiro, ás 20 horas, a Sala de Exposicións de Verín acolle a inauguración da mostra “As cores do jazz”, dos artistas Xosé Rivada e Iria Blanco, que contaron coa colaboración do Concello de Verín.
Esta exposición “conxela” a través dos cadros de Iria Blanco e esculturas de Xosé Rivada a improvisación característica do espírito jazzístico. Esta mostra, de carácter itinerante, estará en Verín ata o 29 de febreiro, despois presentarse tamén en Chaves, O Porto e Lisboa.
A pintora viguesa, Iria Blanco, e o escultopintor afincado en Verín, Xosé Rivada, son artistas nos que a exploración é unha constante. Por iso, a súa arte resoa no dito do popular compositor norteamericano George Gershwin: “A vida é como o jazz, é mellor cando improvisas”.
O espectador da exposición participará dunha peculiar jazz-session, na que o fan figurarse que está sentado e que por veces ten que facer un xiro de pescozo de 360º ou mesmo acercarse ao escenario para ver con detemento as características dos instrumentos empregados. A inauguración da mostra contará coa música en directo de David Rivada que interpretará co seu Chelo as cancións: La vida es Bella (Piovane), Lela (Dulce Pontes) e My Way (Fran Sinatra).