Esta actuación conta cun orzamento próximo aos 520.000 euros.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), publica no DOG a licitación das obras de rehabilitación do firme da estrada OU-533, ao seu paso polo Concello ourensán de Viana do Bolo. As ofertas poderán presentarse ata o vindeiro día 8 de febreiro.
Con esta actuación, que conta cun orzamento próximo aos 520.000 euros, o Goberno autonómico mellorará o estado do firme, para favorecer a comodidade dos usuarios e a seguridade viaria no treito obxecto da actuación.
As actuacións proxectadas desenvólvense na súa totalidade no Concello de Viana do Bolo e levarase a cabo unha rehabilitación localizada do firme, mediante fresado e reposición dos tramos deteriorados. Así mesmo, repoñerase a sinalización horizontal nos treitos afectados. A actuación divídese en dous tramos, que acadan un total de 13 quilómetros.
As obras terán unha duración de 6 meses e proporcionarán unha rede máis cómoda e segura en beneficio dos máis de 3.200 habitantes do Concello de Viana do Bolo e da súa área de influenza.