A UD Ourense enfróntase a un rival directo na loita polo ascenso na 20ª xornada, o Loñoá.

Este domingo a UD recibe a visita do Loñoá (16:15 h). Sexto clasificado con 37 puntos atópase a seis do ascenso, marcada precisamente pola Unión.

Un resultado favorable para os locais suporía distanciar en nove puntos a un rival directo; a vitoria visitante comprimiría máis a clasificación.

Kike Fernández, presidente do Loñoá, apunta xa ao rival desta semana como o claro favorito para a consecución da Liga e, polo tanto do ascenso. Kike cre que «os demais teremos que loitar pola segunda praza de ascenso». O presidente agarda que para este partido afeccionados do Loñoá «acompáñennos ao Couto a ver o partido». O dirixente é consciente de que en caso de perder «descolgaríanos da cabeza» ainda que apunta que «queda moita liga»; polo que «puntuar sería un bo resultado», finaliza.

Xornada
Ademais da UDO – Loñoá o máis destacado desta xornada é o partido entre o Amoeiro e Santa Teresita (O Cruceiro, 16 horas); quinto contra primeiro. O Amoeiro buscará unha vitoria que o manteña no grupo de cabeza, mentres que os visitantes buscarán afianzarse na primeira posición e descolgar a un rival polo ascenso. Outros partidos da xornada son: Velle – Trives; Pontedeva – Palmés; Ribadavia – Arnoia; Coles – Melias; Arrabaldo – Cea; Covadonga – Barra de Miño e Leiro – Caldelao.

O espírito da UD nun graffiti
O graffiteiro ourensán Abraham Caride, de Art Show, segundo o presidente unionista, Modesto García, “simbolizou perfectamente o espírito da UD, o que está nos nosos estatutos. O escudo do CD Ourense que evolucionou ata a UD”.

Na presentación do mesmo Modesto falou tamén do partido contra o Loñoá, vital para estar nos postos de ascenso, lembrando que na primeira volta gañou 2-0 aos ourensáns. Así mesmo, no tocante a temas administrativos, a directiva destacou o aumento de ingresos pola publicidade estática neste exercicio.