As axudas teñen por obxecto a mellora de imaxe e modernizacións dos establecementos, a dinamización dos CCAs e prazas de abastos, o fomento do relevo comercial e a formación.
Representantes da Delegación territorial da Xunta en Ourense mantiveron unha xuntanza cos responsables dos centros comerciais abertos (CCAs) e da Federación de Comercio da provincia ourensá para trasladarlles as principais liñas de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten abertos cinco programas de axudas para seguir reforzando o comercio de proximidade cifrados en máis 5,6 millóns de euros.
Na reunión informouse aos representantes dos comerciantes ourensáns que as axudas activadas abranguen eidos tan amplos como a mellora de imaxe e modernizacións dos establecementos, a dinamización dos CCAs e prazas de abastos, o fomento do relevo comercial e a formación o fomento de emprego e a formación.
Os representantes do Executivo galego en Ourense destacaron o presuposto de 3 millóns de euros destinados á mellora de imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego. Ademais, referiuse as subvencións ás asociación de comerciantes para a dinamización dos CCAs e prazas de abastos que suman 2 millóns.
Na xuntanza tamén trasladáronlle que o departamento autonómico dirixido por Francisco Conde vén de activar programas de apoio por 500.000 euros para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial. Ao tempo que resaltaron a importancia do comercio na recuperación económica, no encontro destacouse tamén que se veñen de activar apoios para fomentar o relevo comercial e para a concesión de bolsas de formación.
En definitiva, os programas activados continuando a senda emprendida veñen a reforzar o comercio de proximidade galego, con axudas centradas no impulso do asociacionismo, a modernización e no establecemento do smart commerce e o comercio en liña.
No encontro os representantes autonómicos en Ourense convidaron aos comerciantes a empregar as diferentes ferramentas ao seu dispor para continuar creando riqueza e emprego e, deste xeito, seguir a impulsar a dinamización económica da provincia. Así, destacaron as outras vías de cooperación abertas co empresariado centradas en eidos como o fomento do emprego, o emprendemento, con especial atención ao rural, os investimentos, a eficiencia enerxética, a innovación ou a internacionalización.