Deputación entrega ambulancia a Cruz Vermella

A Deputación de Ourense investiu 56.311 euros na adquisión desta ambulancia asistencial de tipo B de Soporte Vital Básico.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente provincial de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro, presentaron este luns a nova ambulancia de soporte vital básico coa que contará a institución benéfica. Esta ambulancia vén a substituír no parque móbil dos equipos de socorros e emerxencias a outra ambulancia que despois de 10 anos de servizo será retirada segundo establece a normativa vixente sobre transporte sanitario; este vehículo fora tamén financiado no seu día pola Deputación Provincial.

Trátase dunha ambulancia asistencial de tipo B de Soporte Vital Básico, dotada de desfibrilador externo semi-automático con material de inmobilización, equipos de osixenoterapia, aspirador de secrecións, taboeiro espinal, inmobilizador de cabeza, cadeira oruga para evacuación de pacientes por escaleiras, bancada e camilla, aparataxe de electromediciña, neveira e quentasueros, sistema de retención infantil, mochilas con material para soporte circulatorio e primeiros auxilios, etc.  O mobiliario do interior está fabricado en material ignífugo e hidrófugo, tomas de corrente e de osíxeno, climatización, iluminación interior con focos LED e asentos orientables na cabina asistencial, cun total de seis prazas no vehículo.

Servizos preventivos e sensibilización

A xeralización das actividades de ocio, moitas cun elevado nivel de risco potencial, fai que exista unha demanda crecente da cobertura de dispositivos preventivos, especialmente cando se prevé a asistencia de gran cantidade de público: eventos deportivos, culturais ou sociais.

Cruz Vermella pon ao dispor dos organizadores destes actos a súa experiencia e capacidade en materia de planificación e desenvolvemento destes dispositivos, de xeito que se poida garantir a seguridade das persoas e o cumprimento dos requisitos legais esixidos.

durante o 2015 realizáronse 120 servizos preventivos na nosa provincia, entre festas, eventos deportivos ou benéficos, nos que se atenderon a 405 persoas.