Ministra de Fomento no túnel de Bolaño

A ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, visitou este luns as obras da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia no tramo ourensán de Vilariño-Campobecerros.

Concretamente, supervisou as obras dunha das “infraestructuras más complejas”, o túnel esquerdo de Bolaños, de 6.769  metros de lonxitude, do que xa se levan construídos 1,5 km e que se prevé estea rematado este agosto.  A ministra comprobou o avance das obras conforme ao ritmo previsto no único subramo que se constrúe actualmente con tuneladora, e que avanza a un ritmo de 30 metros ao día. Para completar a execución do túnel está previsto utilizar 30.000 dovelas. O túnel dereito xa está rematado.

Pastor mantivo a data de 2018 para completar a conexión da alta velocidade a Galicia. Preguntada polos tramos  do AVE que aínda están sen executar, entre Taboadela e a capital ourensá, explicou que nun dos subtramos “ha habido un problema con dónde se iban a realizar los vertidos, y en este momento se está ultimando con el Instituto de Vivenda e Solo de la Xunta para el traslado de ese vertido y que eso se pueda iniciar lo antes posible”. No que respecta ao outro subtramo, agarda polo informe do Ministerio de Medio Ambiente para poder ser licitado, non antes do segundo trimestre deste ano.

E en referencia á estación da alta velocidade de Ourense, indicou que ten habido reunións entre a Xunta, Concello e os equipos de Adif e de Fomento para deseñar o seu proxecto, e que, insistiu será unha estación “digna de la llegada de la alta velocidad, la entrada a Galicia”. Neste caso non quixo indicar prazos, “cuando nos digan los técnicos”, afirmou.

Pastor estivo acompañada nesta visita pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o delegado do Goberno en Galicia, e deputados e senadores do PP, entre outras autoridades.