Esta semana as asembleas de Cruz Vermella na provincia realizan actividades educativas con infancia e persoas maiores con motivo do Día Escolar da Non Violencia e a Paz.
O 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, recoñecido pola UNESCO en 1993. Nesta data, Cruz Vermella Xuventude lembra a necesidade da educación para a tolerancia, a solidariedade e o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz. Unha acción educativa que desenvolve durante todo ano de forma transversal nos diferentes proxectos, e concretamente dende o proxecto de Prevención de Condutas Violentas nos centros de educación secundaria, pero que durante esta semana se intensifica realizando actividades específicas coa infancia e coas persoas maiores.
Así, o voluntariado desenvolverá técnicas e dinámicas de grupo que favorezan as boas relacións entre as persoas, ademais de traballar os conceptos en obradoiros de manualidades con goma eva, pombiñas da paz, murais con mensaxes pacíficas e debates sobre temas de actualidade relacionados con esta data. Así, realizarán actividades cos nenos e nenas de Promoción do Éxito Escolar e cos que participan nos proxectos de inclusión social en Barrocás e praza 200.
Na Asemblea de Cruz Vermella en Ourense realizarán actividades o mércores e xoves, a partir das 18.00 horas cos nenos e nenas de 6 a 16 anos que participan no proxectos de Inclusión social en Barrocás e en Praza 200.
As persoas maiores do Centro de Día de Cruz Vermella en Ourense participarán o venres nun obradoiro de manualidades e nun circuito de xerontoximnasia pola Paz, no que a solidariedade e a igualdade serán algunhas das paradas do exercicio.