Acondicionouse o acceso á área de embarque do servizo de catamaráns, e foron creadas áreas de aparcamento e unha senda peonil. As obras requeriron un investimento de 192.000 euros.

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, visitaron o embarcadoiro de Santo Estevo de Rivas de Sil para inaugurar o novo espazo público resultado da rehabilitación e mellora do entorno do Edificio de Recepción e a estrada de acceso deste recurso turístico situado no corazón da Ribeira Sacra.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que o obxectivo da intervención, que levou consigo un investimento de 192.000 euros, foi mellorar estas instalacións de atención aos visitantes, facéndoas máis confortables, e mellorar a accesibilidade e imaxe da contorna, feito necesario debido a gran afluencia de visitantes.

“Con esta actuación acondicionouse, así, unha zona de grande interese tanto turístico, como paisaxístico e arquitectónico que resultaba fundamental conservar e á vez explotar ampliando as posibilidades para que máis visitantes a coñezan”, afirmou Nava Castro.

Segundo sinalou a directora de Turismo de Galicia as actuacións concretas levadas a cabo foron o acondicionamento e mellora do acceso á área de embarque do servizo de catamaráns, a creación dunhas áreas de aparcamento axeitadas tanto para autobuses como para turismos, a creación dunha senda peonil separada do tráfico rodado e a adecuación do pavimento existente no contorno inmediato do edificio, eliminando desniveis e facéndoo continuo para facilitar o tránsito dos peóns.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia fixo referencia á firme aposta da Xunta de Galicia polo impulso da Ribeira Sacra plasmada, segundo explicou, a través de convenios de colaboración, da adecuación e rehabilitación de espazos e recursos, da posta en marcha de novos produtos ou da potenciación das festas declaradas de interese turístico.

Neste senso, Nava Castro destacou o apoio á candidatura da Ribeira Sacra para converterse no novo ítem Patrimonio da Humanidade da nosa comunidade.

 

Destino consolidado

O pasado ano o xeodestino Ribeira Sacra rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros, do 12,51% en relación ao ano 2014, situándose en  173.302.

Esta mellora tivo lugar tamén nas pernoitas que se situáronse nas 258.276, ao rexistrar un incremento do 9,74%.