Pídenlle á Deputación, que ten previsto aprobar esta mellora no vindeiro pleno, que a leve a cabo coa “máxima premura dada a alta perigosidade da vía”.
Os socialistas de Boborás esixíronlle á Deputación de Ourense a inclusión no Plan Provincial de Obras e servizos de competencia municipal e de estradas a mellora do f irme da OU-514, entre Brués e Feás, “debido ao estado no que se deixou a vía despois dunhas obras sen rematar, feitas xusto antes das eleccións municipais”.
De feito, o organismo provincial xa ten previsto retomar estas melloras, polo que dende o PSOE cren que “as presións recibidas surten o seu efecto”.
Naquel momento, procedeuse ao ancheamento da vía pero sen rematalo, coa consecuencia de que os vehículos atopan zonas moi estreitas, con dificultade de paso, tramos sen asfaltar e unha alta perigosidade viaria ao tratarse dunha estrada que padece moitas xeadas.
Os socialistas, entenden que “había máis présa”, para o goberno municipal e para o provincial, “cando estaban a piques de concurrir a unha cita electoral, por iso deixaron as cousas a medias, toda vez que xa conseguiran o seu obxectivo”. Pero consideran que “as necesidades da veciñanza deben ter prevalencia sobre as necesidades partidistas e electoralistas”, polo que reclaman que se fagan os arranxos na estrada de xeito inmediato. De non ser así, adiantan que recollerán sinaturas entre veciños e usuarios para logralo.