O reforzo de persoal médico levará parello o aumento da carteira de servizos, con novos programas preventivos e de educación sanitaria, como o Programa da Muller.

 

A Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Ourense incrementará o cadro de persoal médico do Centro de Saúde de Pereiro de Aguiar cun terceiro facultativo, que se incorporará o vindeiro día 4 de febreiro.

O incremento de persoal médico permitirá reforzar a asistencia deste centro de saúde, posibilitando a mellora da calidade asistencial e de seguimento dos programas sanitarios de prevención e coidado da saúde.

O cadro de persoal do centro de saúde quedará así formado por tres médicos, dúas enfermeiras e un administrativo, dotación de persoal óptima para dar resposta á demanda sanitaria deste concello, que experimentou un aumento de poboación nos últimos dez anos, pasando de 3.000 usuarios, en 2006, aos actuais 3.433, un incremento do 14,4%, pouco habitual no noso entorno.

O reforzo de persoal médico levará parella a potenciación da súa carteira de servizos, xa que a maior calidade de tempo asistencial permitirá, aos seus profesionais, desenvolver novos programas preventivos e de educación sanitaria destinados á poboación, como o Programa da Muller, ou reforzar o programa de mellora na atención a pacientes crónicos e polimedicados. Asemade, continuarase coa estratexia galega de coidados paliativos, para a atención dos pacientes que presentan enfermidades avanzadas e progresivas, así como co programa de diagnóstico e tratamento da enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), e o de seguimento do paciente diabético.