O candidato amosou o seu agradecemento por este «abrumador» apoio dos afiliados populares, entre os que se atopan todos os deputados e todos os responsables locais do partido.
Manuel Baltar presentou este xoves formalmente os 400 avais que refrendan a súa candidatura para o XVII Congreso Provincial do PPOU, que se celebrará o 5 de marzo de 2016.
O afiliado e xa candidato, amosou o seu agradecemento aos 400 afiliados ao PP de Ourense que asinaron de xeito voluntario o aval para a súa candidatura. O número mínimo esixido para presentar candidatura era de 75, segundo fixaba o regulamento do Congreso Provincial. “Teño a honra de ter recibido o aval de todos os deputados e deputadas da provincia (provinciais, autonómicos e nacionais), así como dos 92 responsables locais do PP na provincia. Este caudal abrumador de confianza agradézoo enormemente e estou francamente satisfeito porque neste tempo conseguimos situar ao PPOU á vangarda de España e con resultados á vista, eleccións tras eleccións”, manifestou Manuel Baltar.
O candidato á Presidencia do PP de Ourense fixo un repaso á xestión do partido nestes últimos seis anos, alcanzando cotas de renovación do 70%. “O Comité Executivo que saiu do anterior Congreso Provincial, o de marzo de 2013, é o que conta coa media de idade máis xoven de España e con maioría feminina. Ademáis, adoptando medidas de transparencia como nunca antes se fixera”. Tamén lembrou Manuel Baltar que o PPOU foi o primeiro partido de España en facer a primeira campaña cuncandidato oficial a presidir un Goberno Provincial. Precisamente, tras aquela campaña, a Deputación de Ourense é a única de Galicia que acadou maioría absoluta.
“Nestes intres, multiplicamos os retos, as ideas e as propostas. Continuaremos abanderando á proximidade e o contacto coa xente como as grandes notas características do PPOU, como parte do seu ADN. Somos e seguiremos sendo a forza política máis potente da historia de Ourense: con vocación, discurso e liderazgo provincial; coa sede máis dinámica e con todos os órganos do partido máis novidosos e innovadores da política nacional. Fixemos máis congresos locais que ningunha outra forza política, celebramos ata 22 xuntas directivas, que é o máximo órgano do partido entre congresos”, recalcou o candidato Manuel Baltar.
O prazo para presentación de avais de candidaturas que desexen concurrir no XVII Congreso Provincial do PP de Ourense remata este venres 5 de febreiro. Manuel Baltar anima que todos os afiliados que desexen presentarse “a que o fagan, pois estarei encantado de recibir e debater propostas”.