Substitúe no cargo a Miguel Ángel Viso, agora deputado no Congreso polo PP.
Felicísimo Pereira Freijido, o que ata agora era presidente en funcións, foi elixido presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro. Substitúe así a Miguel Ángel Viso Diéguez, quen dimitiu debido á súa incompatibilidade co seu recente cargo de deputado no Congreso de los Diputados.
O pleno do C.R.D.O. Ribeiro reuniuse en Ribadavia co obxectivo da renovación da presidencia da entidade. Os membros do mesmo elixiron por maioría de votos a Felicísimo Pereira, vicepresidente do Consello Regulador dende 2012, para facer fronte á presidencia do organismo.
Felicísimo Pereira, nado en Ribadavia, leva vinculado ao sector do viño por tradición familiar máis de 25 anos. A súa traxectoria profesional está ligada ao sector vitivinícola e á rexión.
Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro
A Denominación de Orixe Ribeiro é unha das cinco denominacións galegas e a máis antiga de todas elas. Confórmana 105 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, estendidos polos municipios de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Puxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un total de 2.350 hectáreas de territorio nas que traballan 5.784 viticultores. Na vendima 2015 a produción total da Denominación de Orixe alcanzou os 14 millóns de quilos de uva.