A pesar do frío que acompañou aos futbolistas en Castro Caldelas, a Unión Deportiva Ourense cociñou a vitoria a fogo lento diante do Caldelao. A primeira metade saldouse con cero goles a un e foi na segunda cando se cimentou a vitoria.
Desde os primeiros compases os homes dirixidos por Rubén García xa tiñan totalmente controlado o balón a pesar de que apenas se traducían en ocasións.
Aínda así foi no minuto cinco cando Xurxo á saída dun córner controlaba na área e o seu tiro introducíase na porta contraria. Con este resultado finalizaría a primeira metade.
No segundo tempo a mesma tónica. Control absoluto do tempo do partido por parte dos unionistas pero sen apenas inquedar a área local. Ata que no 12 Senén lograba o 0-2. A partir dese momento catro goles máis. O primeiro deles obra de Aitor que acurtaba distancias para o Caldelao (1-2). Depois Unai, Senén e Otero foron marcando ata deixar o definitivo 1-5.
Tres puntos máis que fan que a UD sexa primeira con 61 puntos. A sete o segundo, Santa Teresita (54 puntos) e o máis importante a dez o terceiro (Amoeiro con 51 puntos). Cuarto é o Arnoia cos mesmos puntos que Amoeiro, quinto Arrabaldo (49) e sexto o Loñoá (47). Estos cinco equipos, a priori, loitarán nestas xornadas polo outro posto de ascenso (segunda praza), por, como parece, que a primeira está reservada para a Unión despois de 15 xornadas gañando.