O Grupo Municipal Socialista vén de rexistrar unha solicitude para que o Goberno Municipal constitúa urxentemente unha Comisión Municipal de Seguimento das Obras de Remodelación da Praza de Abastos nº 1 de Ourense.
Recordaba o voceiro socialista, José Ángel Vázquez Barquero, o anterior executivo municipal socialista aprobou no seu día unha importante intervención urbanística na Praza Central de Abastos e o seu contorno, que en 2011 concretouse na redacción do Proxecto de Remodelación Integral deste ámbito urbano. O proxecto, que conta cos ditámenes favorables de Patrimonio, naceu con vocación de “intervención, rehabilitación e recualificación urbana integral” desta peza urbana central do noso patrimonio e termalismo.
A recente concesión da subvención de 3,6 millóns de euros para o edificio da Praza de Abastos con cargo ao 1,5% Cultural, abre unha oportunidade histórica para que o Concello afronte con ambición a execución da intervención global e de conxunto nesta área, non só coa remodelación do edificio histórico senón tamén do chamado “rianxo” e do entorno urbano, así como dos equipamentos, infraestruturas e servizos previstos no proxecto integral.
Polo anteriormente exposto, xa no pasado mes de agosto, os socialistas levaban a pleno e era aprobada unha moción solicitando a execución do proxecto integral de rehabilitación da praza de central de abastos e o seu contorno. De feito, un dos puntos aprobados en dita moción, o Punto nº 4, segue a día de hoxe sen resposta nin cumprimento por parte do Partido Popular: “O Goberno Municipal presentará no prazo mínimo posible un cronograma completo de actuacións para a execución do proxecto integral de rehabilitación da Praza de Central de Abastos e o seu entorno”
«Ante esta situación de incertidume na que nos atopamos, non existindo oficialmente aínda un prego redactado para a ubicación provisional dos praceiros, traballando cun comezo de ubicación hipotética dos mesmos na Alameda a finais do 2016, que demoraría o inicio das obras ata o 2017, vémonos na obriga de solicitar esta comisión municipal de seguimento co fin de fiscalizar e supervisar o labor do Goberno municipal neste tema tan importante, e de que no caso de que a xestión non fora a adecuada, estaríamos ante a perda dunha importante subvención para un lugar singular da nosa cidade», sinalan desde o PSOE.