Debaterase no pleno de abril do Concello de Ourense.

O PSOE presenta unha moción para que se abra a Praza de Abastos da Ponte

O grupo municipal socialista vén de rexistrar unha moción para o seu debate no Pleno do vindeiro 1 de Abril co fin de instar ao Goberno do PP a que adopte compromisos e medidas urxentes co fin de acadar a reapertura da Praza de Abastos nº 2 da Ponte á maior brevidade posible.

Os socialistas queren a través desta moción respaldar as inquedanzas veciñais sobre a demora na apertura da Praza de Abastos do barrio pontino e reiterar o «bstrucionismo e inacción» do alcalde e o seu grupo durante estes nove meses de goberno neste tema.

Recordan os socialistas que en xullo o pasado que o alcalde declarara que había que tomarse un tempo para analizar que modelo de xestión se aplicaría no mercado.  Nunha reunión posterior cos veciños e comerciantes da zona, o propio Alcalde avanzaba que podería dárselle outro uso distinto ao previamente establecido, ademais de poñer en dúbida a súa rentabilidade ante a suposta falta de inversores.

Sinalan desde o grupo municipal socialista que o anterior executivo socialista tiña redactado xa no ano 2015 o borrador de prego para sacar a concurso os postos da Praza de Abastos, pero que o PP ao chegar ao goberno desbotouno e «dende hai 9 meses non sabiamos nada concreto acerca da redacción do novo».

Tralo anuncio por parte do grupo de goberno de que o prego está listo para ser aprobado, e ante o seu descoñecemento por parte da oposición e veciños, o PSOE urxe «unha solución inminente e consensuada» co fin de desbloquear esta situación que leva consigo un gran prexuízo económico para a cidade, e máis en concreto para o barrio da Ponte.

Acordos

Os acordos da moción socialista instan ao Goberno municipal a que «presente, explique e consensúe o Prego de Cláusulas Técnicas e Administrativas particulares para a Contratación da Concesión Administrativa da Xestión Integral da Praza de Abastos nº 2 da Ponte tanto cos grupos políticos desta corporación municipal como coas asociacións de comerciantes, hostaleiros e veciños». Tamén solicitan que se respecte «o modelo de xestión establecido para o espazo comercial deseñado e non se lle dea outro uso distinto ao previamente establecido». E finalmente, a que «adopte todas as medidas oportunas co fin de  acadar a reapertura da Praza de Abastos da Ponte no prazo de tempo máis breve posible».