A Delegación Territorial da Xunta en Ourense conmemora o Día Forestal Mundial (popularmente coñecido como o Día da Árbore) coa organización de diversas actividades de difusión e de concienciación social en varios concellos da provincia organizadas por parte dos responsables do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural e as brigadas dos cinco distritos forestais existentes na provincia ourensá.
A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto celebrado na carballeira da Devesa do Conde, na localidade de Castro Caldelas, que tivo como principais protagonistas ás alumnas e alumnos do CPI “Virxe dos Remedios” e da Escola Infantil do concello. Alí levouse a cabo a plantación de 57 árbores de distintas especies que levarán o nome da totalidade dos rapaces que participaron nesta actividade, polo que a partir de hoxe o espazo dedicado a esta plantación vai a denominarse a Devesa dos Nenos.
O obxectivo desta actividade, xunto co resto das organizadas, é promover a concienciación social sobre a importancia ambiental e económica do sector forestal en Galicia nos escolares porque “as novas xeracións teñen que ser conscientes do inmenso valor que ten o monte e da importancia de apostar polo carácter produtivo e sostible dos recursos forestais” explicou Díaz Mouteira quen engadiu que “o monte, ademais de riqueza patrimonial e cultural, tamén representa unha actividade empresarial que pode xerar postos de traballo e contribuír a á fixación da poboación no medio rural” .
A provincia de Ourense está dividida en 5 distritos forestais: Ribeiro-Arenteiro, Miño-Arnoia, Valdeorras-Trives, Verín-Viana e A Limia. Con motivo da celebración do Día Forestal Mundial a xefatura territorial de Medio Rural organiza nestes cinco distritos charlas dirixidas a escolares, plantacións de árbores -coa distribución de preto de 750 exemplares de especies autóctonas-, rutas interpretativas ou visitas guiadas. Trátase de que os rapaces ao mesmo tempo que aprenden a plantar unha árbore, tamén reciban información sobre temas como a necesidade de preservar a riqueza forestal ou a prevención de lumes forestais.