A construción está a tirar da recuperación laboral na comarca de Valdeorras, en detrimento da industria, polo estancamento que vive o sector da lousa, conclúe o Observatorio Económico da Deputación de Ourense.
Na presentación de resultados realizada no Concello do Barco de Valdeorras, coa asistencia de alcaldes, técnicos de emprego, empresarios e axentes comarcais, o xerente de Inorde, José Manuel Rodríguez, destacou que o sector da construción xerou un 9% de emprego neto en 2015 e foi o artífice de que a comarca gañase un 1,3% de postos de traballo no último ano, a terceira maior subida da provincia, só superada por Terra de Caldelas (2,4%) e Allariz-Maceda (1,4%).
Despois da construción, agora mesmo o segundo motor laboral de Valdeorras é o sector servizos, que impulsou un 1,6% de novo emprego no último ano. Mentres, a industria atópase nunha fase de estancamento e mesmo perdeu un 0,6% de postos de traballo en 2015. A maior caída deuse na agricultura (-2,8%), sector que xa só contabiliza 317 afi liacións a nivel comarcal. A pesar de que a industria non repetiu o bo comportamento de 2014, cando tivera un crecemento laboral do 2,1%, José Manuel Rodríguez explicou que a dimensión industrial de Valdeorras sigue sendo moi salientable, tal e como reflicte o dato de que desta actividade depende máis da cuarta parte do emprego total da comarca, en concreto o 27,3%, cando o peso relativo medio na provincia de Ourense é o 14,7% e no conxunto de Galicia o 13,8%. “A extracción e transformación da lousa fai posible que as proporcións de emprego industrial en Valdeorras dupliquen ás existentes na maior parte de Galicia”, afondou o xerente do Inorde.
Con todo, indicou que os niveis de actividade de afiliacións aínda están lonxe dos que se daban antes da crise: “No gran núcleo ou epicentro da lousa, é dicir, nos concellos de Carballeda e Vilamartín de Valdeorras, faría falta recuperar un 30% de empregos para exhibir a fortaleza que acompañou ata a chegada da crise económica”, en palabras de José Manuel Rodríguez. A nivel municipal, seis dos nove concellos reactivaron os seus mercados de traballo no último ano, liderados por Rubiá (5,7%) e Vilamartín de Valdeorras (4,1%).
Entre os mercados con máis traballadores, O Barco creou un 1,2% de emprego neto en 2015 e está a piques de recuperar o nivel dos 4.500 afiliados, mentres que A Rúa xerou preto do 1%. Pola súa banda, o municipio máis ligado ao sector da lousa, Carballeda de Valdeorras, perdeu case o 2% das afi liacións laborais. Segundo recolle o Observatorio Económico Ourensán, a taxa acumulada desde o inicio da crise sinala que o mercado de traballo de Valdeorras encolleu un 17,7%, o que signifi ca preto de cinco puntos máis que o da provincia de Ourense e o de Galicia. De xeito illado, a evolución da cabeceira comarcal, O Barco, está en liña coas medias ourensá e galega, ao perder un 13,8% de afiliados en comparación con 2008.
Debilidades no paro
As novas máis positivas na análise do paro rexistrado son, por un lado, o descenso comarcal do 5,5% no último ano -ata xaneiro de 2016- e a baixada interanual en sete dos nove concellos (todos agás Larouco e A Veiga). E, por outra banda, salienta o feito de ver dous municipios restando parados a dobre díxito (Petín e Vilamartín) e a un deles (Petín) marcando o oitavo maior descenso entre os 92 concellos ourensáns, co -18,3%.
Con todo, o resto do estudo do paro rexistrado detecta debilidades nesta variable. A primeira sinala que esta comarca continúa a ser a máis penalizada polos efectos laborais da crise, cun crecemento do 42,2% na cifra de parados en taxa acumulada desde xaneiro de 2008. Ademais, é o único territorio comarcal da provincia no que non hai nin un só concello con crecementos do paro inferiores ao 20%.
Por outra parte, e xa no capítulo adicado ás pensións, o Observatorio indica que a taxa de cobertura das pensións contributivas entre os maiores de 65 anos supera o 80%, mentres que o peso relativo dos pensionistas sobre a poboación total é do 29,8%, medio punto máis que a proporción para o conxunto da provincia. Finalmente, o importe medio das pensións en Valdeorras é de 814,5 euros, o segundo máis elevado, só superado polo da comarca de Ourense (837,3 euros).