O premio “Ouro azul” que organiza anualmente o portal web “O bosque máxico” chega á súa cuarta edición recoñecendo o traballo que no ámbito do medio ambiente ten desenvolvido ó longo de toda a súa traxectoria profesional o enxeñeiro celanovés José Benito Reza, un dos impulsores do proxecto que hoxe é xa unha consolidada realidade como é o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
O premio concédese coincidindo co día Mundial da Auga e terá lugar no Auditorio Municipal Ilduara o próximo sábado a partir das seis da tarde, estando previsto que asistan a gran maioría das persoas que este ano presentaron mais de 2.500 fotografías e 150 debuxos, xa que son eles os que realmente afirman que ese Bosque Máxico existe.
Ademais está previsto que haxa un recoñecemento na memoria do recentemente desaparecido D. Luis Rodríguez Míguez. Doutor en Hidroterapia Termal, Escritor e creador da denominación Vila Termal, premio Ouro Azul 2013.
Segundo explican o seu organizador, o escultor Toño Monteiro, “o sábado 19 seremos tamén solidarios coa Hora do Planeta e apagaremos a Luz de todo o auditorio, so quedarán as emerxencias e ese pequeno foco proxectando a curtametraxe «Lineas Discontinuas» que Ecoloxistas en Acción nos brinda no seu ciclo de cine Ambiental e Solidario, Butaca Verde”.
O acto verase complementado coa actuación do grupo folk Os Rampeiros.