Os traballos de restauración forestal e medioambiental que se están a levar a cabo en Cualedro tras o lume rexistrado neste concello ourensán e noutros da súa contorna en agosto de 2015 rematarán esta primavera. Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa visita a esta localidade, na que estivo acompañada polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, e pola directora general de Desarrollo Rural y Política Forestal do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (Magrama), Begoña Nieto.
Estas actuacións, iniciadas en outubro pasado, están incluídas dentro do Programa Nacional de Desarrollo Rural, co financiamento do Magrama e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), cun orzamento total de 500.000 euros. Os obxectivos destas medidas pasan por controlar a erosión, diminuír o risco de pragas e enfermidades vexetais, favorecer o rebrote de especies frondosas e da rexeneración mediante diseminación dos piñeirais, conservar a rede de pistas forestais en bo estado e mellorar o hábitat para a fauna.
Así, as actuacións divídense en catro grandes bloques: tratamento da vexetación queimada, accións de corrección hidrolóxico forestal e control da erosión, apertura de accesos e mellora dos existentes, coa construción dun depósito de auga contra incendios e restauración de hábitats e formación de bosquetes con frondosas autóctonas para refuxio de fauna.
As autoridades visitaron a zona tratada por mulching de palla, uns traballos que consisten na distribución deste material para reducir a erosión, ao impedir a disgregación do solo e o arrastre de materiais finos. Tamén comprobaron a realización de plantacións de frondosas autóctonas (bidueiros) e a construción de faxinas vexetais e bancais de pedra feitos con materiais propios da zona.
Día Forestal Mundial
A conselleira mantivo ademais un encontro con 80 alumnos dos colexios de Cualedro e Monterrei, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos aos que se levou ata a zona afectada polo lume con motivo do Día Forestal Mundial, que se celebrará o luns. Alí, Ángeles Vázquez e o resto de portavoces públicos plantaron de xeito simbólico unha árbore para conmemorar esta data.