O Concello de Ourense vén de presentar denuncia na Policía Local por dous roubos de maquinaria e materiais das brigadas de xardinería municipais. Os roubos, dous en total, ocorreron a fin de semana dos días 4 a 6 de marzo, cando persoas descoñecidas accederon ás casetas municipais deste servizo, sitas unha delas no Parque das Aventuras, en Vistafermosa, e a outra no Parque Miño.
As persoas autoras do roubo forzaron as pechaduras e ocasionaron gastos de cerraxería por importe de 900 euros e maquinaria e ferramentas por valor de 10.000 euros (desbrozadoras, cortasetos, tixeiras., etc.)
Concretamente, o día 5 produciuse o roubo no Parque das Aventuras, na rúa Bispo Lourenzo. Nel subtraeron 6 desbrozadoras valoradas cada unha en cantidades de entre os 478 e 900 euros e un cortasetos (528), cun importe total de 5.042 euros, e causaron danos na pechadura de 400.
O día 7 de marzo detectouse o roubo na caseta do Parque Miño, da que sustraeron dúas desbrozadoras, de entre 825 e 478 euros, dúas sopladoras, dous cortasetos máis arneses, caixas de ferramentas, capazos, tixeiras, serruchos, entre outras ferramentas, valorándose todos estes elementos en 4.698 euros e danos na pechadura forzada, que supuxo un custo de 500 euros.
Á vista da gravidade dos feitos, a Concellería de Medio Ambiente presentou a correspondente denuncia na Policía Local, para que se poda poñer en marcha a investigación oportuna, na que tamén está a colaborar a Policía Xudicial.