O alcalde de Ourense. Jesús Vázquez, asinou o decreto de Alcaldía que permitirá incorporar aos orzamentos do Concello para 2016 preto de 4,6 millóns de euros destinados a executar investimentos na cidade. Estas cuantías proceden de remanentes de crédito producidos na execución do orzamento de 2015, recentemente finalizado, financiados con ingresos afectados, por un importe total de 4.596.930 euros.
Deste xeito, eses recursos económicos, dos que o Concello dispón poderanse executar ao longo do ano 2016 e materializarse en investimentos das diferentes áreas municipais, ben co destino que se pensara na elaboración dos orzamentos de 2015, ou ben coa posibilidade, en caso de ser preciso de destinarse a otros investimentos. Os 4,6 millóns de euros destinaranse sempre e en todo caso a investimentos, non a gastos, xa que a normativa vixente así o determina.
“Como Concello debemos mobilizar tantos recursos económicos como sexan posibles en investimentos produtivos para a veciñanza e que contribúan á dinamización económica e social desta cidade -asegura o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez-. Por iso, unha vez rematado o exercicio económico 2015 fixemos un exhaustivo repaso do estado das contas, e detectamos que o Concello ten na caixa 4,6 millóns de euros que se poden incorporar ao orzamento deste ano e materializarse en obras e proxectos. Por elo, con este decreto procedemos a revitalizar estes recursos para que se materialicen en obras e proxectos a desenvolver na cidade”.
Entre as aplicacións orzamentaria de maior cuantía están as destinadas a remodelación da Praza de Abastos (705.000 euros), encabezando unha longa lista que inclúe un total de 154 aplicacións orzamentarias incluidas no expediente: proxectos de infraestruturas, áreas de rehabilitación, melloras de zonas verdes e infraestruturas deportivas, adecuación e mellora de vías públicas, das abastecemento e saneamento, acondicionamento das marxes dos ríos, etc. En calquera caso, o destino dos recursos poderá ser revisado e precisado ao longo do ano 2016.