Os alumnos e alumnas das Aulas Tecnópole arrasaron esta fin de semana no maior certame científico de España, a Exporecerca Jove. Os seus proxectos foron merecedores do primeiro e do terceiro premio, ademais dun accesit, o que os levará á principal feira científica de Europa e a un dos eventos de referencia neste eido en Latinoamérica. A eles sumáronse, co segundo premio, os gañadores da Galiciencia 2015, estudantes de Biscaia, que viaxarán tamén a Brasil para presentar o seu proxecto. Todos eles competían con 110 proxectos de nove nacionalidades.
As Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, amplían así o seu historial de recoñecementos ao longo dos últimos anos, que levaron aos seus alumnos a certames en Los Ángeles, Eslovaquia e Ámsterdam, entre outros.
Clara Mingyue López e Iria Ollero gañaron o primeiro premio da categoría de segundo ciclo da ESO na Exporecerca, celebrada ao longo dos tres últimos días en Barcelona, co seu kit de baixo custo para realizar prácticas de xenética. As alumnas desenvolveron o seu propio prototipo utilizando a impresión en 3D e cun custo moi inferior aos dispositivos destas carácterísticas que existen no mercado. Grazas a este galardón, Clara e Iria mostrarán na Expo-Sciencies Europe, que terá lugar en xullo en Toulouse (Francia), a segunda fase do seu proxecto, que consiste en realizar probas nos centros educativos para avaliar se se cumpre o obxectivo de mellorar a aprendizaxe dos estudantes de Secundaria sobre xenética grazas ao uso deste kit. Ademais deste galardón, o proxecto de Iria e Clara levou tres premios especiais, outorgados por entidades colaboradoras no certame:.
O sistema de análise da calidade do aceite usado en freidoras que desenvolveron Martín Ansia e Miguel Rodríguez logrou o terceiro premio da categoría de primeiro ciclo da ESO na Exporecerca, dotado coa participación na feira científica que terá lugar en novembro na localidade brasielira de Natal. Botando man da espectrofotometría, estes dous inventores son capaces de determinar cando o aceite debe ser substituído para evitar as alteracións químicas provocadas por unha reutilización excesiva que resultan tóxicas para o consumo. Das súas análises despréndese, como norma xeral, que o aceite que se usa a un ritmo de tres veces por semana non debe conservarse máis de tres semanas na freidora.
Ademais, Juan Carlos Navares levou un accesit que lle permitirá defender na Feira da Ciencia de Jerez de la Frontera (Cádiz) a súa aplicación móbil de compravenda de produtos agrícolas sen intermediarios, deseñada co obxectivo de reducir os prezos para os compradores e aumentar as ganancias dos vendedores. Esta ferramenta presenta como principal novidade a súa especialización no mercado agrícola, aínda sen cubrir por outras aplicacións xa existentes.
O innovador sistema de mellora da comunicación entre alumnos e profesores desenvolvido por alumnos vascos, gañador absoluto da Galiciencia 2015, logrou o segundo premio da Exporecerca na categoría de segundo ciclo da ESO. O proxecto de Ander Aguiriano, Jon Andoni Bretón, Sue González e Asier Rementería, da Lauro Ikastola (Loiu, Biscaia), acudiu ao certame catalán grazas ao galardón obtido en Ourense e a finais deste ano acudirá á feira científica de Fortaleza, en Brasil.