Os traballos de rehabilitación e mellora da pasarela peonil sobre o río Barbaña axilizaranse durante esta semana, na que se traballará ininterrompidamente de luns a sábado, incluíndo os xoves e venres santos. Esta importante infraestrutura, que agora está sendo sometida ao cepillado da parte metálica, volverase abrir ao paso de peóns no mes de maio.
Esta semana iniciaranse, tamén, os cortes preventivos no paseo peonil en ambas marxes do río Barbaña para facilitar o acceso aos elementos colocados baixo os taboleiros de madeira, xa que é preciso facelo desde un elevador mecánico. Deste xeito, o camiño pecharase nunha marxe ou na outra, pero nunca nas dúas simultaneamente. Estas interrupcións avisaranse co tempo debido e sinalizaranse para minimizar riscos entre os viandantes, xa que hai risco de caída de obxectos ao chan. Agradéceselle á cidadanía a súa paciencia e a súa comprensión.
O orzamento total dos traballos de mellora da pasarela peonil sobre o río Barbaña ascende aos 106.535 euros, e durarán até o mes de maio.