O colectivo Stop Desafiuzamentos realizou este luns unha concentración de protesta diante da sede do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Ourense para denunciar o “desleixo” das administracións, que pode deixar na rúa a unha muller vítima de violencia de xénero cun fillo menor con autismo ao cargo.
Trátase dunha veciña de San Cibrao das Viñas que en novembro pasado esqueceu selar a tarxeta do INEM, deixando así de percibir a Renta Activa de Inserción, único ingreso do que dispuña. Desde esa data non puido pagar o aluguer da vivenda onde residía, acumulando cinco meses de impago. O pasado 14 de marzo, membros de Stop Desafiuzamentos reuníronse co alcalde de San Cibrao para trasladarlle a situación desta muller, ao que respondeu que o Concello non podía facer nada.
Tamén se dirixiron ao IGVS, “en todas as ocasións se nos dá traslado da falta de recursos, e que xa están co caso, pero ningunha solución de emerxencia, a máis próxima, de habela, para dentro de un mes ou mes e medio”, indican desde Stop Desafiuzamentos.
Neste momento a muller non ten ningún lugar onde vivir nin dispón das posibilidades económicas para afrontar un aluguer. Quedaría na rúa “se non fora que o día 18 unha compañeira tivo a bondade de ofrecerlle a súa casa durante un mes á espera de que (as administracións) reaccionen e lle proporcionen un aluguer social”, valoraba Roberto Pereira, voceiro de Stop Desafiuzamentos, que acusaba ás administracións de incumplir os seus propios protocolos para estes casos.
Con esta protesta o colectivo quere denunciar tamén o que consideran que é “outro xeito de violencia, neste caso institucional”, así como reclamar “protocolos efectivos para que ás mulleres en situación de violencia machista recoñecida se lles proporcione de xeito inmediato vivendas de alugueiro social”, e que haxa unha maior coordinación entre administracións para evitar chegar a estas situacións dramáticas. “Non hai unha interacción axeitada entre administracións, non hai unha ansia de darlle apoio a estas mulleres que se ven nesa situación”, denunciaba Pereira. Por último, o portavoz dirixíase ao presidente da Xunta para que reclamara a Abanca que “parte da vivenda que teñen na Sareb que a poñan a disposición pública, que é nosa, non é deles, ese banco foi expoliado”.